Fútbol

 

FÚTBOL

 

 

Os comezos

 

 

Os primeiros vestixos comprobados da afección polo fútbol na zona da Costa da Morte datan de comezos da década dos anos 20, e como sucede noutras partes de España e Galicia, faino por mar, co amarre no porto de Brens-Cee de numerosas embarcacións de orixe anglosaxón.

 

A chegada do fútbol ás Terras do Xallas data dos anos 30, concretamente na época da 2ª República Española. Existen documentos fotográficos de 1933 do que pode ser o primeiro equipo de fútbol da historia do municipio. Aínda que esta afección ben puido ser introducida na zona, pola influencia dos arrieiros xalleiros que achegaban os cereais destas terras ata a Costa da Morte e a capital de Galicia, ata Castela e Portugal. Novamente aparecen os arrierios e a súa influencia sobre a vida xalleira como se pode comprobar na economía, emigración e posiblemente tamén no fútbol.

 

Nos anos escuros da Guerra Civil e na posguerra, os nenos xalleiros recibían as fazañas dos Ramallets, Zarra e compañía do Mundial de Brasil 50 a través da radio, outra das novedades da época. Santa Comba tamén recibía información dos emigrantes en Río de Janeiro, que xa daquela contaba cunha nutrida representación destas terras, e moitos deles xa acostumaban a ver fútbol carioca en directo, sobre todo no mítico Maracaná. Nos anos 50 xa se constatan numerosos partidos de fútbol, sobre todo os días de festa, aproveitando tamén a presenza dalgún estudante en Santiago de Compostela.

 

A zona do antigo Campo do Carreiro, próxima á intersección das estrada a Santiago e a Muros-A Silva, comeza a ser punto de encontro dos xóvenes da vila para practicar o novo deporte. Un campo de fútbol mítico en Xallas e na Costa da Morte que data de mediados da década dos anos 50. O primeiro céspede do que gozou, trasladouse terrón a terrón desde a zona do campo da escola das Caselas polos propios afeccionados nos seus poucos tempos de ocio que lle deixaba o traballo diario.
 
 

Santa Comba na memoria

Historia fotográfica de Santa Comba

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *