Fútbol sala

Deportes Amarelle

Imagen 1 de 27

1979 cortesía | Deportes Amarelle aparece | Mítico equipo de Fútbol Sala Xalleiro que gañaba maratóns por toda a provincia cando comezaba o “boom” deste deporte. A foto corresponde ó II Trofeo Automóbiles Eladio disputado no pavillón dos Salesianos da Coruña, que enfrontou na final a Deportes Amarelle co considerado mellor equipo de fútbol sala naquel momento, Naranjas Ibañez. De pé de esquerda a dereita: Gene, Carducho de Capeáns, Evaristo, Manolo Amarelle e Arturo da Rebela. Agachados de esquerda a dereita: Lito, Carteiro, Juanjo da panadería e Manel de Chucha.

O “BOOM” DO FUTBOL SALA

O fenómeno do fútbol-sala comezou na década dos oitenta das mans de Carducho de Capeáns e Manolo Amarelle, entre outros, e xogábase nunha pista deportiva de cemento no colexio Barrié de la Maza, a única que existía daquela, actualmente está cuberta. Era a época de equipos como Telefunken, Deportes Amarelle, Citroën Da Costa, Galo Boys, Butano, Xalco, Deportes Amarelle ou Sala Xallas. A arbitraxe corría a cargo de Manolo Amarelle, Daniel do Rianxeiro, Pepe de Capeans ou Domingos do Lavano.

 

Hoxe en día estamos afeitos a ver eliminatorias de tenis nunha praza de touros, ciclismo nun campo de fútbol, automobilismo, motocross e mesmo surf nun pavillón de deportes, pero os organizadores do fútbol sala en Santa Comba tamén puideron ser pioneiros niso de realizar actividades deportivas en instalacións impensables, xa que a mediados dos oitenta desenvolveron nunha sala de festas un maratón de 36 horas ininterrompidas de fútbol sala. Foi na Sala de Festas Jema 2000, de Santa Catalina, situada na estrada que leva a Guisande-Esmorode, e no mesmo sitio no que actuaran artistas do talle dos “Payasos de la tele”, Mocedades, Los Chichos, Manolo Escobar ou Lola Flores. Os sillóns de “escai” da época que tiña a sala foron os mesmos que os afeccionados utilizaron para presenciar comodamente os partidos. Nun recinto no que foi preciso redar todo o interior para non estragar a escaiola. Este campionato foi un rotundo éxito de público e participación, con equipos de toda a provincia, aínda que a final foi disputada por dous equipos da zona, Bahía Laxe e Auto Accesorios Cameán de Carballo.

 

O obxectivo do mesmo era utilizar o tirón do momento co fútbol sala para recadar cartos que permitirán organizar as festas dos Miragres de Santa Catalina. Cos beneficios contratouse a orquestra de moda do momento, Club Naval, o primeiro grupo en utilizar un láser nas súas actuacións, sendo primicia e pioneira na contratación a Comisión de Festas dos Miragres. A contratación non estivo exenta de polémica, xa que todos lembraban a actuación en playback que viña de realizar en Televisión Española.

 

A finais da década dos 80, as autoridades autonómicas xa estaban desenvolvendo plans para a construción de pavillóns de deportes en tódolos municipios e seguro que o exitoso experimento deportivo na Jema 2000 acelerou os trámites para a construción da primeira instalación deportiva cuberta de Santa Comba. A finais dos 80 o pavillón municipal de deportes de Santa Comba xa estaba en funcionamento.

 

 

Imaxes con descrición.
Ano.
Cortesia de.
Quen aparece.


 
 

Santa Comba na memoria

Historia fotográfica de Santa Comba

One comment

  1. Josè Manuel Rodríguez Gerpe dice:

    Que maravilloso tempo pasei de xoven xogando no Xallas e na Relojería Romar saudos desde Lyss en Suiza cantos recordos e alegrías.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *