Santa Comba

co paso do tempo

“aquella comarca marcada con el poderoso sello de aquella rama, la última, pero no por eso menos noble, de las tribus célticas que acamparon sobre el suelo de Europa”. Manuel Murguía. Historia de Galicia.
Xa o dícían os historiadores e literatos de séculos pasados, os xalleiros son os máis xenuínos representantes da
ascendencia celta.
Manuel Murguía na súa Historia de Galicia describía a xurisdicción de Xallas como “aquella comarca marcada con el
poderoso sello de aquella rama, la última, pero no por eso menos noble, de las tribus célticas que acamparon sobre el
suelo de Europa”.
Ademais, un estudo científico sobre as mutacións xenéticas da Universidade de Zaragoza no que colaborou o
doutor Ángel Carracedo -director do departamento anatómico forense do Instituto de Medicina Legal de Santiago de
Compostela, referencia mundial en xenética forense e fillo predilecto do municipio- certifica a orixe celta dos xalleiros.
O mesmo estudo conclúe a enorme incidencia do xen denominado APO B3500 en varios puntos de Galicia e resulta
que en Santa Comba e na ría da Coruña son as zonas onde se dá un maior número de casos, o que achega os veciños
de Santa Comba ás colectividades actuais de Centroeuropa, Gran Bretaña e Irlanda, nas que se asentaron poboadores
celtas e suevos.
A investigación considera que os actuais poboadores de Xallas comparten una mutación xenética inalterada tras
6.000 anos e que hai características endogámicas, como que o xen se dá en enfermos de hipercolesterolemia familiar
e persiste ó longo do tempo.
Esta unidade xenética cos celtas refórzase coas evidencias da arqueoloxía e a toponimia, a existencia de poboados
castrexos, restos de orfebraría e nomes como Arciprestado de Céltigos ou Vilar de Céltigos e o palpable legado suevo na
toponimia como Guldrís, Castriz, Esternande, Armada ou Guisande, ademais do grupo de xermanismos que deu orixe a
máis nomes no actual termo municipal de Santa Comba.
CREACION DO MUNICIPIO
Céltigos, Ialles, Alcayaa, Couto de Jallas
Creouse no ano 1.836. O sete de xuño dese ano, na sesión da Deputación da Coruña, establécese o Concello de Santa
Comba tal e como hoxe o coñecemos, coas 17 parroquias, e daquela, con 4.475 habitantes.
No Trienio Liberal, concretamente en 1.821, o que hoxe coñecemos como Concello de Santa Comba estaba dividido
en dous, o de Cícere e o de Xallas.
Como xurisdicción de Xallas xa existía no século XVIII e hai moitos indicios que nos permiten situar as orixes históricas
da fidalguía local de Santa Comba antes de 1.577, polas armas dos Caamaño conservadas no Pazo de Cícere de arriba,
o que significa que a incrustación dominical da fidalguía rural xa era unha realidade no século XVI.
Documentos de aproximadamente o ano 1.209 permítennos saber que, durante o reinado do monarca Afonso IX,
en Xallas existía un concello dependente do rei xa que este lles daba as súas ordes directamente, que facía xustiza no
seu nome e que contaba cuns alcaldes, Domingo Alegre e Domingo Fernández, denominados “homes do concello”.
Ademais, por documentación posterior sebemos da existencia dunha vila chamada “Ialles (Xallas) d’Alcayaa”, dotada
cun alfoz e situada nestas mesmas terras, que permaneceu baixo o dominio arcebispal ata o século XIX.
No século XII, cando Xallas non é unha realidade e Céltigos é a única referencia posible, crese que San Cristovo de Mallón
podía ser recoñecida como San Cristovo de Céltigos, xa que é a única igrexa consagrada a este patrón. Trala morte do rei
Afonso IX, en 1.230, estas terras pasaron a denominarse couto do Xallas, como alfoz dunha vila reconvertida á xurisdicción
señorial rural. Cara a 1.373, Céltigos xa perdera terreo e desaparece cando a denominación de Santa Comba de Céltigos se
converte en “San Pedro de Santa Comba do couto de Jallas”. Ata o ano 1.920 a aldea máis poboada do municipio era Vilar
de Céltigos que aínda existe hoxe coa mesma denominación. Céltigos tamén lle dá nome, na actualidade, ó arciprestado.
Foi capital de arciprestado e unha das aldeas máis grandes da provincia da Coruña.
O condado de Trastámara, que xunto co de Lemos e o de Andrade, foron os máis importantes títulos hereditarios
de Galicia, ten a súa orixe nas Terras de Xallas, de aí recibiu o nome de Trastámara, é dicir, máis alá do Tambre
(tralo Tambre).
Existen indicadores da presenza de asentamentos humanos nestas terras desde aproximadamente 4.000 anos antes
de Cristo, e somos, segundo estudos científicos contrastados, os máis xenuínos representantes da ascendencia celta,
o que achega os veciños de Santa Comba ás colectividades actuais de Centroeuropa, Gran Bretaña e Irlanda, onde se
asentaron poboadores celtas e suevos.
Santa Comba forma parte da Terra de Xallas, xunto co concello de Mazaricos. No ano 1.834 cando Domingo Fontán
entregaba oficialmente o seu “Mapa ou Carta Xeográfica” á Súa Maxestade a Augusta Raíña Gobernadora Dona María
Cristina de Borbón, xa situaba a “Comarca de Jallas”, rodeada pola “Tierra de Soneira” o “”Valle de Vimianzo” e o “Valle
de Barcala, e era a única que recibía a denominación de comarca.
Ó longo da historia e ata chegar á Santa Comba actual, estas terras chamáronse, Célticos, Xallas, Couto de Xallas,
Ialles d’alcaya e San Pedro de Santa Comba do Couto de Jallas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *