Creación do municipio de Santa Comba

CREACION DO MUNICIPIO

Céltigos, Ialles, Alcayaa, Couto de Jallas

 

Creouse no ano 1.836. O sete de xuño dese ano, na sesión da Deputación da Coruña, establécese o Concello de Santa Comba tal e como hoxe o coñecemos, coas 17 parroquias, e daquela, con 4.475 habitantes.

 

No Trienio Liberal, concretamente en 1.821, o que hoxe coñecemos como Concello de Santa Comba estaba dividido en dous, o de Cícere e o de Xallas.

 

Como xurisdicción de Xallas xa existía no século XVIII e hai moitos indicios que nos permiten situar as orixes históricas da fidalguía local de Santa Comba antes de 1.577, polas armas dos Caamaño conservadas no Pazo de Cícere de arriba, o que significa que a incrustación dominical da fidalguía rural xa era unha realidade no século XVI.

 

Documentos de aproximadamente o ano 1.209 permítennos saber que, durante o reinado do monarca Afonso IX, en Xallas existía un concello dependente do rei xa que este lles daba as súas ordes directamente, que facía xustiza no seu nome e que contaba cuns alcaldes, Domingo Alegre e Domingo Fernández, denominados “homes do concello”. Ademais, por documentación posterior sebemos da existencia dunha vila chamada “Ialles (Xallas) d’Alcayaa”, dotada cun alfoz e situada nestas mesmas terras, que permaneceu baixo o dominio arcebispal ata o século XIX.

 

No século XII, cando Xallas non é unha realidade e Céltigos é a única referencia posible, crese que San Cristovo de Mallón podía ser recoñecida como San Cristovo de Céltigos, xa que é a única igrexa consagrada a este patrón. Trala morte do rei Afonso IX, en 1.230, estas terras pasaron a denominarse couto do Xallas, como alfoz dunha vila reconvertida á xurisdicción señorial rural. Cara a 1.373, Céltigos xa perdera terreo e desaparece cando a denominación de Santa Comba de Céltigos se converte en “San Pedro de Santa Comba do couto de Jallas”. Ata o ano 1.920 a aldea máis poboada do municipio era Vilar de Céltigos que aínda existe hoxe coa mesma denominación. Céltigos tamén lle dá nome, na actualidade, ó arciprestado. Foi capital de arciprestado e unha das aldeas máis grandes da provincia da Coruña.

 

O condado de Trastámara, que xunto co de Lemos e o de Andrade, foron os máis importantes títulos hereditarios de Galicia, ten a súa orixe nas Terras de Xallas, de aí recibiu o nome de Trastámara, é dicir, máis alá do Tambre (tralo Tambre).

 

Existen indicadores da presenza de asentamentos humanos nestas terras desde aproximadamente 4.000 anos antes de Cristo, e somos, segundo estudos científicos contrastados, os máis xenuínos representantes da ascendencia celta, o que achega os veciños de Santa Comba ás colectividades actuais de Centroeuropa, Gran Bretaña e Irlanda, onde se asentaron poboadores celtas e suevos.

 

Santa Comba forma parte da Terra de Xallas, xunto co concello de Mazaricos. No ano 1.834 cando Domingo Fontán entregaba oficialmente o seu “Mapa ou Carta Xeográfica” á Súa Maxestade a Augusta Raíña Gobernadora Dona María Cristina de Borbón, xa situaba a “Comarca de Jallas”, rodeada pola “Tierra de Soneira” o “”Valle de Vimianzo” e o “Valle de Barcala, e era a única que recibía a denominación de comarca.

 

Ó longo da historia e ata chegar á Santa Comba actual, estas terras chamáronse, Célticos, Xallas, Couto de Xallas, Ialles d’alcaya e San Pedro de Santa Comba do Couto de Jallas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *