Rede hidrográfica

REDE HIDROGRAFICA

Esmorode Praia fluvial

Imagen 1 de 7

Praia fluvial de Esmorode (Santa Comba)


RIO XALLAS

UNICO EN EUROPA EMBLEMA DUNHA BISBARRA

 

O río Xallas é o elemento definidor da bisbarra. Drena e articula a paisaxe recollendo cursos de auga mentres cruza o concello de norleste a suroeste e divide o municipio nunha parte norte e outra sur, para proseguir por Mazaricos e desembocar na ría do Ézaro no municipio de Dumbría. Pero o Xallas é realmente río no municipio de Santa Comba, onde nace, donde lle dá xentilicio ós poboadores do contorno e onde se manifesta libremente na natureza descendendo polo seu cauce. Fóra do termo municipal de Santa Comba o río pouco ten que ver con un de verdade, onde as súas augas se converten nunha máquina de producir electricidade e nunha antoloxía da explotación industrial durante máis de un século.

 

O emblema desta bisbarra é o río Xallas, que lle dá nome á mesma, a numerosas empresas e a pequenos comercios, incluso ó equipo de fútbol máis representativo do municipio. Pero a comezos do século X, o río Xallas, denominábase Esar e estas terras que agora chamamos do Xallas, formaban parte dunha ampla unidade chamada Célticos. Ó longo da historia, o río Xallas tamén foi coñecido como Lézaro ou Ézaro, nome que na actualidade identifica o lugar onde desemboca.

 

CARACTERÍSTICAS

 

Río característico da penechaira noroccidental de Galicia. Nace e transcorre en gran parte por este concello, dálle nome á bisbarra, ós veciños destas terras e parte o municipio nunha zona norte e noutra sur. É un río curto, de 64,50 km desde a súa cabeceira de nacemento, en Monte Castelo, parroquia de Bazar, a 440 m de altitude, froito da confluencia de varios regos (Castiñeria, Vilamaior e Bazar). Vaise afirmando a cada paso con regatos, birtas, tributos, acuíferos diversos, coma se entre todos quixesen facer un gran río ata a súa desembocadura, no Monte Pindo,no lugar do mesmo nome na ría do Ézaro, municipios de Carnota e Dumbria.

 

Ten unha cunca de 504,20 km2 de extensión e un caudal de 14 m3/s; posúe un elevado índice de sinuosidade, 1,62 ,e unha pendente media de 0,68%, cunha inclinación norleste-suroeste, que lle permite bañar os concellos de Santa Comba Mazaricos e Dumbría. Recibe augas desde os concellos de Zas, A Baña, Coristanco, Dumbría e Carnota, e principalmente dos ríos Mira, Guisande, Vilar, García e Abuín, en Santa Comba; de Maroñas, Barbeira, Mazaricos e Arcos, en Mazaricos, e do Hospital e San Clemente de Dumbría, antes de botar as súas augas ó mar, na ría do Ézaro.

 

A acusada horizontalidade da chaira, a súa escasa pendente e a senilidade da paisaxe provocan un encaixamento case nulo do río no seu discorrer polo concello, e se ó anterior lle unimos unhas abundantes precipitacións, teremos un río que acostuma a se desbordar nas épocas máis chuviosas, asolagando especialmente as terras próximas ás marxes, o que dá lugar á formación de prados naturais empregados para pastos ou ben para cultivos.

 

A existencia dun solo granítico no seu segundo tramo favorece o seu encaixamento o que foi aproveitado para a creación do encoro da Fervenza, represa de Castelo, no municipio de Mazaricos e encoro da Ponte Olveira, no municipio de Dumbría.

 

A característica que lle confire un dos perfís máis orixinais de Galicia é a súa inversión do comportamento, xa que discorre nos seus tramos altos e medio de forma paseniña, sen encaixarse debido a horizontalidade da charia que cruza o substrato rochoso que atravesa, para adquirir no seu derradeiro tramo un gran pulo.

 

A DESEMBOCADURA

 

Ese pulo é o que lle permite un último traxecto cara ó Atlántico, cun cauce que percorre os barrancos que se forman entre os montes de Buxantes, ó norte, e os montes da Ruña, ó sur, ambos no Concello de Mazaricos, para atravesar o monte do Pindo, xa no Concello de Dumbría e precipitarse nunha caída de máis de 200 metros ó mar nunha fervenza de impresionante beleza no mesmo monte, de granito pulido e espido, no lugar do Ézaro, fundíndose co mar nas augas da praia de Pedra Maior, unha das tres coas que conta o Ézaro.

 

Este feito converte ó Xallas no único río de Europa que desemboca cara ó mar en fervenza. Durante moito tempo foi moi difícil gozar desta maravilla da natureza, porque a pesar da declaración formal de paraxe natural protexida, estivo canalizado por una hidroeléctrica e o fenómeno de cascada só ocorría en épocas de grandes e contínuas chuvias que superaban a capacidade da factoría, así como nos domingos de verán, con fins turísticos. Na actualidade é un espectáculo natural continuo, grazas a unha denuncia dun grupo ecoloxista que obrigou á administración a recuperar a fervenza orixinal do río. Só os tubos de canalización da auga da central estragan a harmonía sosegada do lugar.

 

MÍSTICA POPULAR CÉLTICA

 

Diversas pasaxes da historia de Galicia e mesmo estudos científicos recentes sobre o ADN indican que os poboadores de Santa Comba son os máis xenuínos descendentes dos celtas, que tamén teñen a súa lenda no río Xallas. O aluvión das augas do Xallas creou, na caída da súa desembocadura, un foso de 16 metros de profundidade, que se coñece como pozo negro ou da cortada, onde seica está enterrada a céltica Raíña Lupa.

 

O propio monte Pindo, é como Fisterra, outro dos referentes lendarios do imaxinario galego. A erosión, provocada polos ventos e polas chuvias, conformou sobre o granito formas que semellan homes e bestas, aínda que a tradición afirma que os celtas que habitaban estes montes esculpiron intencionadamente as rochas. Tamén hai quen di que aquí está soterrado o mítico tesouro áureo da Raíña Lupa. O certo é que no monte hai vestixios que deixan entrever o seu pasado, como restos de tres castelos medievais, unha muralla concéntrica que o rodeaba, e ata unha inscrición sobre unha rocha que excomulgaba a aqueles que seguisen doutrinas e prácticas idolátricas. Na denominada cova de Xoana realizábanse, segundo os máis vellos do lugar, os aquelarres e os meigallos. A documentación existente asegura que un terremoto alterou a faz destes terreos aló polo ano 1.217.

 

PESCA

 

Desde o punto de vista deportivo, éste e un río tradicional de pesca con culler das terras xalleiras. Desde a presa da fervenza, no límite superior do couto, aguas abaixo, ofrece un tramo ben completo en lonxitude e prestacións, cunha mínima foresta nas beiras, pouca profundidade, fondo pedregoso e arenoso con vexetación conxuntural e facilmente vadeable, o que lle confere unhas características de ensoño para a pesca, aínda que o coto mide 8 Km.

 

Na presa, co propio chorro, utilízase “peixe artificial” con magníficos resultados, troitas de ata 3 Kg,, o que fai que este tipo de capturas sexa bastante habitual, aínda que algún desaprensivo utiliza cínpricos como cebo, algo totalmente prohibido.

 

Cando soltan a presa, o cauce sobe ostensiblemente e dificulta o exercicio da pesca, ademais de atoldar as augas. As súas troitas son fermosas, escuras e tantéanse preferentemente nos pequenos remansos das beiras, onde se refuxian. A escasa vexetación é unha dificultade á hora de pretender pasar inadvertidos, polo que se deben extremar as precaucions para non ser vistos. Hai anos, un periódico publicaba unha foto de impresión cunha troita de 6 kg que adornaba a satisfacción do rostro do seu pescador.

 

Ten dous cotos, o do Xallas, no lugar de Beba, no municipio de Mazaricos, e o de Santa Comba, no afluente Abuín, que vai desde a presa de Arufe, no lugar de Rieiro, ata a ponte que está ó lado do antigo matadoiro da Pereira, e desde a Ponte Nova, da Pereira, ata que se une co río Xallas.

 

Como puntos referenciais podemos citar a praia fluvial de Esmorode (Santa Comba), o encoro da Fervenza (Zas e Mazaricos), o encoro de Castrelo (Mazaricos), Ponte Romano de Brandomil (Zas) e fervenza do Ézaro (Carnota-Dumbria).

 

AFLUENTES MÁIS IMPORTANTES

 

Río Abuín: Afluente da esquerda. Nace en Pedra do Penedo (Freixeiro-Sta. Comba) a 460 metros de altitude. Tras rodear a parroquia de Freixeiro, discorre polas de Ser e Alón, para unirse ó Xallas no lugar de Truebe, na parroquia de Mallón, despois de percorrer 19,50 Km. No seu discorrer pola parroquia de Ser serve de divisoria natural co concello da Baña. Recibe no seu nacemento o nome de rego da IIla, así como o de río Ermida mentres cruza a parroquia do mesmo nome no Concello da Baña.

 

Río García: Afluente da dereita. Nace en San Bartolomé (As Travesas-Sta.Sabiña-Sta.Comba) e rega coas súas augas os campos da parroquia de Grixoa. No seu discorrer recibe os derrames do rego de Cícere e o rego do vao de Vilar. Únese ó Xallas un pouco máis abaixo da ponte de Tapia, tras un percorrido de 9 Km desde o seu nacemento.

 

Río Mira: Afluente da dereita. Nace xunto á aldea de Abelenda (Erbecedo-Coristanco) e recolle os derrames da lagoa Braña Nova ou lagoa Alcaián, no Concello de Coristanco, e baña en Santa Comba as augas da parroquia de Esternande e Castriz para botarse ó Xallas en Outeiro (Castriz) despois dun percorrido de 8 Km.

 

A INDUSTRIA

 

O Xallas é realmente río no municipio de Santa Comba, onde nace, onde lle dá xentilicio ós poboadores do contorno e onde se manifesta libremente na natureza descendendo polo seu cauce. Fóra do termo municipal de Santa Comba o río pouco ten que ver con un de verdade, onde as súas augas se converten nunha máquina de producir electricidade.

 

O Xallas é un río no seu nacemento e unha máquina de producir electricidade nos seus últimos quilómetros. Ademais, é todo un museo de paraxes únicas e da evolución da industria hidroeléctrica durante máis de un século. Trátase dun río fileteado por dous encoros e nel hai instalados ata sete sistemas de xeración eléctrica. O único río que desemboca ó mar en forma de fervenza en Europa, regúlao unha empresa: Ferroatlántica.

 

Na súa desembocadura, en Ézaro (Dumbría) están situadas tres centrais: Castrelo, Santa Uxía e Pindo. A última delas data de principios de século. Ata esas factorías de luz chegan varios tubos de gran diámetro que sucan, como veas inchadas, a ladeira do monte, no macizo do Pindo. Do alto de Ézaro, onde arrancan os tubos, parte un sistema de canles e túneles excavados na rocha. Son varios quilómetros de vías de sección rectangular, con máis de dous metros de ancho, polas que pasa a agua; ríos artificiais que parasitan o caudal do Xallas para facelo pasar por varias turbinas co fin de producir electricidade. A xente da zona coñece ben esas canalizacións -que en agosto se baleiran para a súa limpeza- porque durante a súa construción, entre os anos 40 e 50, foron moitos os que deixaron a vida nas obras.

 

Remontando o río desde a fervenza, poden verse as impresionantes pozas causadas por miles de anos de erosión, únicas en Galicia. Tamén os restos da primera presa, a do Pindo, configurando unha paisaxe industrial única. O seguinte corte no río é o do encoro de Santa Uxía, construído nos anos 80. Ó seu pé quedan aínda os restos dunha antiga central, xa en desuso. Seguindo río arriba chégase á presa de Brazal, de onde parten as canalizacións cara a Ézaro. Alí, o río aloumiña a súa ribeira máis verde, moi preto da carballeira de Anllares, en Mazaricos, a segunda máis importante da provincia. Proximo a este punto preténdese construír un novo aproveitamento hidroeléctrico. A paisaxe industrial non cesa e un pouco máis arriba está situada a central de Ponte Olveira, que non é a última mostra da domesticación do río; aínda falta o encoro máis importante, o da Fervenza, construído nos anos 60, coa súa correspondente central.

 

O río Xallas leva máis de un século sometido á industria, desde que a Sociedad Española de Carburos Metálicos chegou á zona, en 1897, época da que datan as súas primeiras explotacións. As actividades iniciais deron paso a outras novas, nun proceso de ampliación de potencia instalada, que no se detivo. Ferroatlántica fíxose cargo do aproveitamento do Xallas no ano 1992 e a empresa cifra en 35 millóns de euros a facturación do negocio hidroeléctrico, centrado, basicamente, no río Xallas.

 

Ó longo de boa parte do seu curso, o caudal mantense constante, por necesidades de produción. Está prohibido bañarse e a pesca vai desaparecendo. O que noutrora fora un río, mantén a beleza dunhas características xeológicas únicas, e a curiosidade de se converter nunha antoloxía da explotación industrial durante mái de un século. Navegar por el é como entrar nunha película na que se mesturan paisaxes doutros planetas, con construcións abandonadas. E durante moito tempo, a súa impresionante fervenza converteuse nunha curiosidade de feria, con apertura regulada.

 

A agua do Xallas son cartos. Entrar nas súas canles e nos seus túneles escuros constitúe unha experiencia única, unha demostración de cómo a man do home pode transformar a natureza. Alguén, nalgunha ocasión, dixo que o Xallas nace en Santa Comba e que a súa auga, transformada en diñeiro, non desemboca no Ézaro, senón en Madrid.

 

 

Imaxes con descripción.
Ano.
Cortesia de.
Quen aparece.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *