Vida social

VIDA SOCIAL

María, Lucinda e Josefina Mourelle Calvo

Imagen 1 de 347

Aparecen (de esquerda a dereita) María, Lucinda e Josefina Mourelle Calvo do Busto (Santa Sabina). As dúas primeiras emigraron a Bos Aires (Arxentina).

VIDA SOCIAL

A nosa vida social réxese por unhas normas non escritas, pero por todo o mundo coñecidas, e que no caso dos pobos pequenos, en tempos pasados, baseábase nunhas costumes e actos sociais ós que todo o pobo asistía e onde todos se coñecían. A forma de vida de antano, as difíciles comunicacións e os escasos vehiculos facían que a participación nas mesmas, por parte de foráneos, se reduxera ós que, por un ou outro motivo, estaban obrigados de desprazarse e establecerse en Santa Comba, onde moitos deles, á postre, botarían raíces. Xeralmente era persoal cualificado, sacerdotes, persoal da cámara agraria, enxeñeiros da mina, mestres ou persoal sanitario que vivían de fonda na Casa de Capeáns ou na de Ordóñez.

As viaxes fóra do pobo, de forma individual, eran contadas; o coche e a moto estaban ó alcance de moi poucos, mesmo moi poucos tiñan bicicleta. Había outras prioridades, e os que contaban con vehículo, ben turismo, moto ou camión, utilizábanos con fins mercantís. Este era o caso do taxi de Arturito ou o de Ramón Otero, os camións de Casimiro para distribución de barricas de viño, os de Landeira para o suministro de gaseosa e orangina, os de Ricardo de Capeáns para distribución de Cerveza el Aguila Negra ou os de Luís Vázquez para o aserradero. Os desprazamentos de forma colectiva xa eran habituais, xeralmente para o comercio de produtos ou para asistir a actos deportivos ou culturais.

O transporte de comercio reducíase a facilitarlle o traslado ós negociantes para que puidesen vender os seus produtos nos mercados de Santiago, e posteriormente, nas feiras do entorno, como Baíñas ou A Picota. Era a época de comerciantes como o Pandote, a Renfe, José das Chaquetas, Maruja do Falabaratos, os da Graxeira, o portugués de Montouto, ou Narcisa; comerciaban con zapatos, coiro, roupa, carne, froita ou material de ferraxaría.

Os actos deportivos quedaban reducidos ó único deporte que había no municipio – ó marxe da partida no Bar Finisterre – o fútbol, unha auténtica festa e paixón era acompañar ó Xallas FC polas infernais estradas e campos de terra pedregosa da Costa da Morte. A cultura non ía máis alá dalgún acto relixioso en Santiago, co motivo dos anos santos; a asistencia a recoñecidas festas do arredor próximo como Santa Margarida de Muíño, ou acompañar a Banda de Música Municipal; e mesmo algunha escapadela a mollar os pes a Laxe, Malpica ou o San Marcos de Noia.

Aínda que había coches de líña, foi precisamente a Banda de Música a culpable de que un dos membros da banda, Paco Romar, crease unha empresa de transporte de viaxeiros na que puxo a traballar a “a rubia” máis famosa da historia da comarca, que non era unha moza, senón un autobús, mellor dito, unha camioneta de terceira man utilizada para o transporte de peixe, mercada en Laxe polo Rebeirán. Posteriormente foi adaptada por Paco para o transporte de viaxeiros con asentos de madeira, e que xa entón, a duras penas, chegaba ata Vigo para levar ós veciños que Raso embarcaba para ir a facer as Américas. Pero antes, o transporte de viaxeiros por parte de empresarios locais xa comenzara en 1938, cando Manolo do Celta comprou e adaptou para o transporte de viaxeiros unha furgoneta Chandler que Franco trouxo a España dous anos antes para uso dos militares que estaban na guerra.

Era a vida social do traxe, do pantalón de tergal, dos zocos, da braceira negra como sinal de loito, do sifón, da radio, das primeiras televisións en branco e negro ubicadas nas tabernas, ou da mina, que se mamaba desde nenos nas escolas de doña Lola, Quintela ou Gómez Rubio, e do antecesor do actual FP, o PPO, ou máis recentemente “el Colegio libre de enseñanza media mixta”.

Un íase facendo adulto e xa quería probar a moto do practicante Amador Bruzos, unha Rondine Sport, ou a Lube do practicante Claudio Montiel, ou a Guzzi de Fino de Santa Lucia; subirse a un coche, sacar o carné na de A. Lista; probar a tradicional queimada das festas de San Pedro, tomar os chiquitos no Bar Xallas, Raposo, Carteiro, Cachorro, ou no bar Cine, ou o polbo do Rebeirán, ir ó Cine de Casimiro, polo menos os días de festa, a ver o filme de Tarzán ou de vaqueiros; ir ás bodas dos amigos na de Casimiro ou na de Fachal, e como non, a “mocear” na Pista Jallas, ou a ver os espectáculos de estrelas nacionais na Jema 2000 ou na Sumara.

Máis tarde aparecería a revolución automovilística: o Simca 1000, o 1200, os Seat 600, o 127, o 850, o 1500. As estradas xa tiñan asfalto; Santa Comba xa tiña motocros, liga de fútbol sala, tenis en Ser, Cabalgata de Reis, e mesmo touros; os partidos vía satélite xa se emitían na da Redonda, con xente ata dentro dos cuartos de baños. E como non, eleccións democráticas.

Posteriormente veu…. Bueno, o que veu posteriormente que o conten as xeracións posteriores, nos quedámonos coa vida social da amabilidade, respecto, tolerancia, solidariedade, comprensión, de coñecidos e coñecidas, veciñas e veciños, que compartían afeccións ou inquedanzas; que nun alto porcentaxe, uns con outros, acabarían formando unha familia, e que entre todos fixeron de Santa Comba e a bisbarra do Xallas un orgullo para todos nós e unha referencia comarcal.

Imaxes con descrición.
Ano.
Cortesia de.
Quen aparece.


 
 

Santa Comba na memoria

Historia fotográfica de Santa Comba

4 comments

  1. carlos durán dice:

    A foto 138, efectivamente e no Bar Bergantiños, bar das quinielas, pero non e de 1970 porque o rapáz non e Santi Durán e Carlos Durán con seus pais e debe ser do ano 62 ou 63.

  2. carlos durán dice:

    Na foto da queimada do ano 1968, eu creo que non e tanto atrás, o do banco hispsno chamase Angel e era de Pontevedra. Con un caneco na man está Karter e Manolito Otero

  3. MARGA ORDOÑEZ dice:

    ENHORABUENA. Gracias por gratos recuerdos que nos recuerdan nuestros honrosos orígenes.

  4. ADRIANA LOJO dice:

    Hola! gracias por compartir estos recuerdos. Soy la hija de José Lojo Gerpe (Pepe das Marianas), Relindo para mi encontrar fotos demi familia. De mi papá de joven!!! De mi abuela Elvira, mis tias Isabel, Regina, Josefina e mi tío Pin. Grs. x esto!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *